AQUELAS TARDES NO RÍO DA REGA... POR MARISOL SONEIRA
- gonzalo abella
- 28 ago 2014
- 3 Min. de lectura
Houbo un tempo en que a roupa lavábase a man en lavadeiros colectivos, como o que aínda hoxe existe no río da Area da Vila, ou en regatos de augas limpas onde se acondicionaban as súas beiras con laxes de granito onde as mulleres, dende a orixe do mundo, arrincaban a roña da roupa. Para esa actividade había utensilios específicos que hoxe xa teñen desaparecido das nosas vidas, como o “carro do río”, que era unha especie de caixón de madeira aberto pola parte de atrás onde arrodillarse para lavar a roupa con mais comodidade. A imaxe dunha muller cun balde de zinc cheo de roupa á cabeza e o carro do río ao costado suxeito cunha das mans, camiño do río ou de regreso del, formou parte das nosas vidas ate non fai moitos anos. Esta actividade forma parte, incluso, do noso acervo cultural: “... as nenas de Camariñas quedan no río, quedan lavando”
En Camariñas había moitos “rios” para lavar a roupa. O mais importante, por suposto, sempre foi o da Area da Vila porque case nunca carecía de caudal de auga suficiente para acoller a roupa da maior parte dos habitantes da vila. Pero había “rio”, tamén, na Nogueira, en Lago, Portocelo, A Rega, etc. E non era o mesmo lavar no inverno que no verán porque, inclemencias do tempo aparte, o caudal de auga era moi distinto nunha estación que na outra co que había “rios” permanentes e “rios” estacionais en función da menor ou maior abundancia do líquido elemento. O río da Rega nace ao norte de Mourín e baixa pola beira da Croa camiño da praia da Area da Vila. Durante o inverno ten un caudal considerable e, a parte de servir para lavar as nosas roupas luxadas, movía os rodicios de mais de media ducia de muíños fariñeiros onde as xentes de Buría facían a fariña para o seu pan e para o alimento do seu gando. Durante o inverno e a primavera había varios “rios” a todo o longo do seu curso, pero cando chegaba o estío utilizábase so un que tiña auga suficiente para facilitar a limpeza de sabas, saias e camisas luxadas. Estaba situado ao pe das murallas do milenario castro da Croa, entre dous muíños fariñeiros, e abrigado por salgueiros, silvas e arbustos que medraban ao carón das súas augas frescas e transparentes. Nos meses de agosto, cando case non quedaba auga en practicamente todo o curso do Rio da Rega miña nai, coma tódalas nais de Buría, alá ían cunha gran bañeira de zinc a cabeza e co seu carro do río. Aínda non ben saía o sol votábanse ao camiño coa roupa luxada de toda a semana... e toda a familia! Cumpría madrugar porque todas aspiraban a ocupar o primeiro lugar no “río”, alí onde as augas eran mais limpas e nunca viñan xa luxadas pola roupa que outras lavaban augas arriba. As nosas nais lavaban durante horas e, nalgunha ocasión, miña avoa mandábanos coa comida do medio día para ela e para nos. Aquelo era unha festa porque outras avoas facían o mesmo e o xantar nos prados, á beira do río, convertíase nunha festa para. Mentres as sabas e a roupa branca se tendía “a clarear” sobre a herba verde, a de cor tendíase a secar sobre as silveiras e as xestas impregnándose do seu arrecendo. E mentres as nais lavaban nos buscábamos niños de paxaros, anguías despistadas ou amoras e abruños, ou xogábamos a lavar coas prendas mais pequenas. Con frecuencia, cando o calor de agosto era abafante, a nosa nai enchía a bañeira de zinc con auga e deixaba que se amornase ao sol. Nesa auguiña morna lavábanos tamén a nos e refregábanos con xabrón da roupa que nos arrincaba a roña e coido que tamén a pel pero que nos deixaba limpos e lustrosos coma unha patena. Cando caía a tarde unha ringleira de nais e de cativos retornabamos á casa coa roupa e co corpo limpos e listos para volver a luxarse, cansados e felices. Pero o “rio” non era igual no inverno: frío, sabañóns, humidade, lama... pero curiosamente os recordos que aniñan na miña memoria son as felices tardes do Rio da Rega, deitada sobre a herba verde e fresca, ao pe dos milenarios restos do castro da Croa.
Fuente Escrito por Marisol Soneira. Camarinas.eu

Comments