O historiador Xan Fraga reinvindica no pregón da Praza dos libros "a industria de Gutenberg" porque
- gonzalo abella
- 28 ago 2014
- 2 Min. de lectura
"Debemos potenciar a lectura e os libros" porque "a industria de Gutenberg será a que nos salve de tanta ignominia que nos corroe". Son só algunhas das verbas do historiador carballés Xan Fraga no pregón da Praza dos Libros de Carballo, o punto de partida para catro días dun intenso programa no Xardín Municipal, "un espazo de encontro e intercambio", segundo o Alcalde, Evencio Ferrero, para "fomentar lectores e lectoras porque é a única maneira de facer cidadáns libres". Xan Fraga reivindicou coas súas verbas a vila de Carballo, as bibliotecas os libros e os lectores, xa que "os libros son un ben estético, ético, económico e cultural", polo que hai que estar "en contra de canons e bibliotecas que sexan a costa dos lectores e dos libros". O historiador defendeu a "atención á canteira infantil e xuvenil" no fomento da lectura, e lembrou que "os libros saben a pan e gloria", porque "os libros son vida". Nun acto que comezou celebrando o fin das hostilidades en Gaza e dedicando un minuto de silencio ás vítimas por violencia de xénero en Galicia, un dos leitmotivs foi o rexeitamento do novo canon para as bibliotecas "un novo imposto", explica Evencio Ferrero, que gravará "cada usuari@ e cada libro que prestemos", pero "aínda que poñan dificultades, non deixaremos de atender as necesidades" dos veciños e veciñas na nova Biblioteca, que abrirá as súas portas nas próximas semanas.
A Feira da Creatividade a Cultura de Carballo congregou na edición de 2013 a arredor de 5.000 persoas con vendas de máis de 1.500 libros que "a consolidan como un referente anual", segundo explica a Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Porque "a cultura é riqueza" e "o libro supón comercio, industria e postos de traballo", nunha "rede fundamental" para un país. Entre o xoves 28 e o domingo 31 de agosto, o Xardín Municipal e a carpa da Praza dos Libros que, como puntualizaba Mar Eirís, "o ano pasado chegou a quedarse pequena", acollen a célebres autores como Xosé Neira Vilas; a novas autoras que hai tempo que deixaron de ser promesas para converterse en creadoras por dereito propio como Rosalía Fernández; profesores e expertos como Fernando Cabeza Quiles; polifacéticos persoeiros como o cormelán Suso Lista; xogos musicais, contacontos e os celebérrimos Bolechas para os máis cativos e cativas; os poemas de Mercedes Leobalde ou Xosé Iglesias; autores como Xurxo Souto ou Ramón Vilar Landeira; libros recen saídos do forno como "Contos de taberna"; e o pan, os produtos da terra e a animación da feira o xoves e o domingo. Unha oferta insuperable á que se unen sete librarías, que traerán a creatividade galega para que quen queira tamén a poida levar para a súa casa: Brañas, Trasgo e Ler (de Carballo), Roget (de Vimianzo), Pedreira (de Santiago), Á lus do Candil (de Arteixo) e Couceiro (da Coruña). O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.30 a 21.30 horas polas tardes. Carballo e os libros son vida!
Comentarios