Arte muxiá para promover o galego a través dos libros
- gonzalo abella
- 6 sept 2014
- 1 Min. de lectura
Nove creadores aportan imaxes das súas obras para unha colección de marcapáxinas feita polo Concello
O Concello de Muxía recrutou a un grupo de artistas da localidade para poñer en marcha unha orixinal iniciativa destinada a fomentar o uso do galego e a lectura. Alexandro, Chérie Trillo, Detlef Kappeler, Fátima Fortea, Viki Rivadulla, Sar, Tachibana, Teresa Búa e Yano Yoro son os nove creadores que aceptaron ceder sendas imaxes de fragmentos de obras súas para ilustrar unha colección de marcapáxinas que o Concello repartirá de xeito gratuíto entre os lectores que collan libros en préstamo na biblioteca municipal.
Esta acción, denominada Eu leo en galego, enmárcase nun programa máis amplo de dinamización lingüística que leva por título Con X de Muxía e que pretende loitar contra a perda de galego falantes en diversos eidos.
Neste caso, a iniciativa está destinada tanto aos mozos como aos lectores adultos e ten o aliciente engadido de que os participantes poderán coleccionar e xuntar os nove marcapáxinas diferentes que foron elaborados.
A campaña e os marcadores foron presentados onte no concello nun acto no que participaron o alcalde, Félix Porto, outros responsables municipais e boa parte dos artistas que colaboran nela: Trillo, Fortea, Rivadulla, Sar, Búa e Yano Yoro. «Esta acción -apuntaron desde o Concello- tamén constitúe un recoñecemento aos artistas que desenvolven o seu traballo no noso municipio».
Fuente la Voz de Galicia

Comentarios